Thursday 02 de May de 2024

A Xunta adxudicará este mes máis de 24.000 metros cadrados de solo empresarial na provincia da Coruña, a metade do previsto en toda a comunidade


 Ángeles Vázquez pon en valor a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal e cuxa aprobación definitiva se debaterá este mes no Parlamento

 O obxectivo é dotar á Comunidade de espazos competitivos, funcionais e totalmente equipados

A Xunta de Galicia adxudicará este mes de setembro máis de 24.000 m2 de solo empresarial na provincia da Coruña, a metade do previsto en toda a Comunidade, segundo salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha reunión con representantes do tecido produtivo.

No encontro, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a conselleira incidiu no esforzo que o Goberno galego está a facer para impulsar a implantación de empresas. De feito, lembrou Ánxeles Vázquez, no que vai de ano xa se adxudicaron outros 33.000 m2 de solo empresarial na provincia coruñesa. Polo tanto, a día de hoxe, hai dispoñibles 387.719 m2, que poderán adxudicarse de forma directa en calquera momento ata que se convoque o novo concurso de 2023.

A maiores, a conselleira puxo en valor a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal e cuxa aprobación definitiva se debaterá este mes no Parlamento, e que busca axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo garantindo o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica. O obxectivo é dotar á Comunidade de espazos competitivos, funcionais e totalmente equipados.

A nova normativa insiste na necesidade de garantir a conservación destas áreas para o que se inclúe a creación de entidades que velarán tanto polo mantemento das infraestruturas e servizos de ámbito como pola súa actualización e modernización.

A conselleira tamén fixo fincapé en novas figuras como as reservas estratéxicas de solo ou os planes estruturantes, que fixan os parámetros básicos de ordenación dunha área empresarial y cuxa tramitación máis áxil permitirá reducir de 21 a 9 meses a aprobación dun proxecto de urbanización.

A Lei de áreas empresariais será unha norma clave nun momento no que, logo de dous anos de pandemia, é necesario reactivar a economía galega, xerar emprego estable e de calidade e facer da Comunidade un territorio atractivo para que as empresas se implanten

Pola súa banda, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, cualificou a nova lei como unha norma moi esperada e na que o tecido empresarial da nosa Comunidade ten depositadas unhas altas expectativas. E engadiu que será un revulsivo para o fomento da actividade económica en Galicia.